Friday 17 de May de 2024

A Xunta debe realizar canto antes o saneamento de Lorbé


É a Xunta de Galicia quen ten que acometer o saneamento do Porto de Lorbé, que é unha infraestrutura autonómica, tal como lembrou hoxe o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.

Ademais, o goberno autonómico xa está tardando moito, porque resulta unha obra sinxela toda vez que a tubaxe xa quedou posta baixo a capa de pavimento coa que recentemente se renovou o acceso.

Unha tubaxe, ademais, que foi introducida a instancias do Concello cando se comprobou que o proxecto preparado pola Xunta non a tiña contemplada, limitándose á intervención vial.

O saneamento portuario é unha competencia autonómica, xa que a Xunta é a propietaria do porto e a encargada do seu funcionamento. O alcalde dixo que o Concello colaboraría no necesario, pero a iniciativa ten que tomala Portos de Galicia, o organismo autonómico encargado destas xestións.

Os traballos consisten en incorporar un sistema de bombeo para que as augas residuais das instalacións para armadores, a depuradora, a cafetería e as poucas vivendas do lugar acaben conectadas á completa rede xeral que da servizo a todo o municipio, conducindo as augas á depuradora de Bens.